Deseña, tece, ensina, aprende. Dende o ano 1999, Ana Castro dedica a súa vida á artesanía téxtil. Especializada en tecidos de baixo lizo, autodidacta e en formación permanente, interesada en calquera técnica aplicable ao téxtil que poida aprender, defende a artesanía como un xeito de entender o mundo, unha elección que implica moito máis que un oficio.

Como deseñadora e artesá disfruta do luxo de poder dedicar a cada peza o tempo de estudo do deseño, da elección da cor e da elaboración minuciosa tanto da tea como da ampla variedade de rematados que caracteriza o seu traballo. Elabora pezas únicas e series limitadas de complementos tanto para home como para muller e adapta o seu traballo á demanda dos clientes. En todos os seus anos de experiencia pode presumir do feito de non ter repetido practicamente ningunha peza e segue apostando pola innovación tanto nos deseños como nos materiais aplicados ao tecido.

No ano 2001 deseña e crea para o modisto Jesús Sáez os chales das coleccións outono-inverno 2001 e primavera-verán 2002 que se presentan na pasarela Cibeles de Madrid. Nese mesmo ano, resulta galardoada co 3º Premio no VIII Certame de Xóvenes Deseñadores celebrado na Mostra do Encaixe de Camariñas e un ano despois concédenselle dous accesit polas dúas coleccións presentadas neste mesmo certame. Hoxe o seu traballo como artesá téxtil e formadora está amplamente recoñecido entre o sector artesán tanto dentro como fóra de Galicia. No seu taller de Sandiás (Ourense), Ana Castro imparte clases de tecido e de macramé para alumnos de diferentes niveis.

Ana Castro ten participado en diferentes feiras de venda directa como a de Bilbao ou a Mostrart na Coruña. Na actualidade, as súas pezas exclusivas pódense adquirir por encarga no seu taller ou en tendas selectas.  Habitualmente participa nos encontros de palilleiras que se celebran en diferentes localidades (Ourense, A Coruña, Oviedo, etc.), onde comercializa fíos e teas que poden ser personalizadas polos propios clientes incorporando encaixe, bordados ou vainicas. En colaboración con outros artesáns participa no Congreso Internacional de Palillos e Artesanía téxtil que dende o ano 2008 se celebra en Ourense, e xunto co colectivo Alternativa o ano 2010 acode tamén á Mostra Internacional de Encaixe de Vanberk (República Checa).